domingo, 20 de febrero de 2011

Exlibris Gallaeciae. Dos libros de Galicia



Arquivo da Cidade da Cultura. Santiago de Compostela.
Ata ó 25 de Febreiro

Exposición de 83 obras, impresos e manuscritos, que constitúen a columna vertebral da cultura galega. Ten como comisarios a Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático de Historia Contemporánea e ex presidente da Real Academia Galega e a Xosé Luis Axeitos, secretario desta.
Neste bautizo expositivo no edificio do Arquivo do Gaiás poderemos considerar diferentes obras como por exemplo o primeiro libro de imprenta que chegou a Galicia, Decretais Papae Maguncia IX, do taller de Meter Schoeffer, socio e sucesor de Gutenberg.
O primeiro libro que se imprimeu en Galicia, Breviarium Auriensis, realizado por impresores ambulantes en Ourense en 1485.
O documento en galego máis antigo, o Foro de Castro Caldelas (1228).
O libro en galego máis antigo, Proezas de Galicia (1810).
O foro do burgo de Castro Caldelas é o documento máis antigo escrito en galego que se coñece. A data establecida é do ano 1228, pero non se sabe se corresponde á redacción ou á súa tradución ao galego. Neste texto o rei Alfonso IX de León outorga aos cidadáns desta vila, os seus foros e regula o seu réxime.
O texto en galego do documento comeza así:
Eu don alfonso porla gratia de Deus Rey de Leon a vos omes... assy aos presentes como aos que an de víir.. "
Tradución ao castelán:
Eu don Alfonso pola graza de Dios Rey de León a vós homes... así aos presentes como aos que han de vir

A catedral de Mondoñedo por César Castro











A catedral de Mondoñedo, como é o caso da maioría das catedrais, foi construída ao longo de varios séculos e diferentes estilos. A primeira construción, de estilo románico, rematou a mediados do século XIII, concretamente foi consagrada en 1246. Anteriormente en 1112 a sede episcopal fora trasladada a Mondoñedo dende a antiga catedral de San Martín de Mondoñedo polos frecuentes ataques que chegaban por mar.
A construción nesta primeira fase continuou ao longo do século XIV. Actualmente consérvanse visibles dese período a porta principal e a ábside maior. Ademais a súa estrutura de tres naves e a planta de cruz latina correspóndense á súa orixe románica e gótica. Especial mención merecen as pinturas góticas da súa nave principal por ser das máis importantes de Galicia. Un exemplo é a escena da Degolación dos Inocentes. Na bóveda do cruceiro, tamén do gótico ao igual que a sancristía, hai escenas do Antigo Testamento, obra do mestre Terán.
Do século XVI son o deambulatorio e o cadeirado do coro que substituíu unha anterior da época medieval que estaba realizada en pedra. Configurando o deambulatorio, aparecen as distintas capelas, entre elas pódense destacar: a do Santo Sacramento, lugar da Virxe Inglesa; a capela de San Francisco de Asís; a da Concepción; a do Cristo da boa Morte, que conta cun retablo neoclásico; ou a capela do Ecce Homo. Do século XVII é o claustro de planta rectangular e con arcos de medio punto e columnas dóricas.
O retablo maior, de estilo rococó e obra do mestre Terán, está composto de dous corpos, no primeiro aparece a Asunción da Virxe e no segundo o misterio da Santa Trinidade. Os órganos, os que se poden escoitar nos oficios do templo, son de época medieval pero reconstruídos no XVIII.
O rosetón tamén é do gótico do século XIV e coas súas vidreiras de cores produce efectos luminosos no interior.
No século XVIII ampliouse a fachada e construíronse as tres torres actuais de estilo barroco nas que está unha imaxe da Asunción da Virxe e, máis arriba, unha imaxe de San Rosendo.
Por último mencionar o museo da catedral, dos máis importantes de Galicia e do que teremos oportunidade de publicar un artigo en próximos números da nosa revista.