domingo, 20 de febrero de 2011

A catedral de Mondoñedo por César Castro











A catedral de Mondoñedo, como é o caso da maioría das catedrais, foi construída ao longo de varios séculos e diferentes estilos. A primeira construción, de estilo románico, rematou a mediados do século XIII, concretamente foi consagrada en 1246. Anteriormente en 1112 a sede episcopal fora trasladada a Mondoñedo dende a antiga catedral de San Martín de Mondoñedo polos frecuentes ataques que chegaban por mar.
A construción nesta primeira fase continuou ao longo do século XIV. Actualmente consérvanse visibles dese período a porta principal e a ábside maior. Ademais a súa estrutura de tres naves e a planta de cruz latina correspóndense á súa orixe románica e gótica. Especial mención merecen as pinturas góticas da súa nave principal por ser das máis importantes de Galicia. Un exemplo é a escena da Degolación dos Inocentes. Na bóveda do cruceiro, tamén do gótico ao igual que a sancristía, hai escenas do Antigo Testamento, obra do mestre Terán.
Do século XVI son o deambulatorio e o cadeirado do coro que substituíu unha anterior da época medieval que estaba realizada en pedra. Configurando o deambulatorio, aparecen as distintas capelas, entre elas pódense destacar: a do Santo Sacramento, lugar da Virxe Inglesa; a capela de San Francisco de Asís; a da Concepción; a do Cristo da boa Morte, que conta cun retablo neoclásico; ou a capela do Ecce Homo. Do século XVII é o claustro de planta rectangular e con arcos de medio punto e columnas dóricas.
O retablo maior, de estilo rococó e obra do mestre Terán, está composto de dous corpos, no primeiro aparece a Asunción da Virxe e no segundo o misterio da Santa Trinidade. Os órganos, os que se poden escoitar nos oficios do templo, son de época medieval pero reconstruídos no XVIII.
O rosetón tamén é do gótico do século XIV e coas súas vidreiras de cores produce efectos luminosos no interior.
No século XVIII ampliouse a fachada e construíronse as tres torres actuais de estilo barroco nas que está unha imaxe da Asunción da Virxe e, máis arriba, unha imaxe de San Rosendo.
Por último mencionar o museo da catedral, dos máis importantes de Galicia e do que teremos oportunidade de publicar un artigo en próximos números da nosa revista.

No hay comentarios: